Máis de 4.000 toneladas de cefalópodos foron descargados nas lonxas galegas

No que levamos de ano as lonxas galegas descargaron máis de 4.000 toneladas de cefalópodos por un valor económico en primeira venda superior aos 18 millóns de euros. Así o avanzou o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, durante a inauguración do Congreso Mundial de Cefalópodos, organizado por FAO e Conxemar.
Neste sentido, subliñou que os 1.500 barcos que en Galicia se dedican ás artes menores teñen aos cefalópodos entre as especies principais da súa pesca. Ademais, sinalou, estas especies supoñen un complemento importante para preto dun cento de buques da frota de arrastre de litoral e de augas comunitarias e unha grande influencia sobre a frota galega que faena en augas de terceiros países. 

Maneiro destacou a experiencia que ten Galicia na xestión dos cefalópodos nas súas augas, xa que coñece a implantación de plans de recuperación para o polbo para garantir o bo estado do recurso e a orixe e calidade, xa que inclúe aos cefalópodos na marca de calidade pescadeRías.