Illas Atlánticas, no top 100de Destinos turísticos sustentables do mundo

O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia vén de entrar no TOP 100 de Destinos turísticos sustentables do mundo, tal e como anunciou esta semana o selo internacional Green Destinations.

Esta comunidade, da que forman parte varios organismo relacionados co turismo e o medio ambiente, celebrou esta mesma semana o evento Global Green Destinations Day en Liubliana (Eslovenia), onde se anunciou este recoñecemento para o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. 

Os destinos participantes foron avaliados por un grupo de expertos internacionais en turismo, sustentabilidade e medio ambiente, en base a un conxunto de 15 criterios, entre os que se atopan a protección da natureza, a política turística do destino, a protección da paisaxe e a conservación do patrimonio cultural.

Por outra banda, entre as iniciativas de turismo sustentable postas en marcha en Galicia destaca o produto turístico “Starlight en espazos protexidos: o que a noite esconde”, un recoñecemento que se outorga a aqueles enclaves que gozan de excelentes calidades para a observación de estrelas, que están protexidos da contaminación luminosa e que contan coas instalacións axeitadas. Só outros 13 lugares do mundo comparten esta acreditación e entre eles atópase o Alto da Pena Trevinca, no concello ourensán da Veiga.