Galicia será protagonista no congreso micolóxico Soria Gastronómica

O Centro Superior de Hostalería de Galicia acolleu esta mañá a presentación do V Congreso Internacional de Micoloxía “Soria Gastronómica” que reunirá a vinte destacados cociñeiros no Palacio de la Audiencia de Soria os días 24 e 25 de outubro baixo o título “Boletus. Territorio y sostenibilidad”.

Neste ano, Galicia será unha das grandes protagonistas do evento, posto que é a “Comunidade Invitada” ao Congreso polo que contará coa presenza, durante os dous días de celebración, dunha extensa delegación de cociñeiros do Grupo Nove. Concretamente, participarán no evento Pepe Solla, do restaurante Casa Solla, Xoan Crujeiras, do restaurante A Estación, Javier Olleros, de Culler de Pau, Héctor López, do Restaurante España, e Javier Rodríguez, xefe de cociña do catering Boketé.

O programa do Congreso aglutinará un carácter práctico e científico e reunirá aos mellores cociñeiros expertos en micoloxía do panorama nacional e internacional que suman 17 Estrellas Michelin.

Na presentación no Centro Superior de Hostalería de Galicia, celebrouse un showcooking micolóxico como exemplo de carácter práctico, didáctico e novidoso do Congreso que terá lugar en Soria a finais deste mesmo mes.