Buscar/Hemeroteca

viernes, 14 de octubre de 2016

Confederación Europea de Festas e Manifestacións Históricas no MIHL

Este sábado, 15 de outubro, celebrarase a asemblea da Confederación Europea de Festas e Manifestacións Históricas no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). Lugo será así a primeira cidade española que acolla esta asemblea, na que está presente o Arde Lvcvs, que está asociado a esta confederación.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, destacou que “se trata dunha oportunidade moi importante para a nosa cidade, posto que estamos falando dun evento de nivel europeo, no que están presentes diferentes países, que xunto con Lugo, fomentan o coñecemento da historia das súas cidades”. Neste senso, a edil lembrou que “estas festas de recreación histórica poñen en valor o rico patrimonio histórico que temos e tamén supoñen un importante pulo turístico e económico”. Ademais, esta asemblea serve para intensificar relacións e compartir ideas entre os membros da confederación.

Neste encontro daranse cita medio cento de representantes das diversas asociacións de festas e recreacións históricas de España, Francia, Alemaña, Italia, Portugal, Bélxica, Holanda, Hungría, Polonia e Romanía, os dez países que conforman esta confederación e que responden á necesidade de máis dun milleiro de festas históricas de Europa.

A Confederación Europea de Festas e Manifestacións Históricas reúne ás máis importantes festas e manifestacións históricas de Europa. A súa actividade principal é a divulgación das festas para facilitar un maior e mellor coñecemento. Nestas asembleas compártense experiencias e deséñanse estratexias e proxectos comúns. Ademais esta confederación representa os intereses e facilita a información entre as asociacións nacionais e as cidades asociadas.

No hay comentarios: