Compostela asiste por primeira vez a ITB Asia

ITB Asia celebrará a súa novena edición no recinto Marina Bay Sands, onde agarda superar a participación de 2015, cando reuniu a 760 expositores de 73 países, 880 compradores e 10.300 visitantes.

A asistencia de Turismo de Santiago ao evento responde á necesidade de promoverse directamente ante un dos mercados turísticos máis dinámicos e de maior crecemento no mundo, tras constatar, por unha banda, o aumento do número de turistas procedentes do Sudeste asiático nas oficinas municipais de turismo e, por outra, os informes favorables recibidos de Turespaña e o Grupo Cidades Patrimonio de España, que na anterior edición da ITB Asia recibiron moitas consultas sobre Santiago de Compostela e o Camiño de Santiago.

Neste marco propicio para establecer contactos de primeiro nivel coas empresas turísticas líderes da rexión, como turoperadores de viaxes de lecer e do sector de congresos e turismo corporativo, a axenda de Turismo de Santiago inclúe preto de 30 axencias de Xapón, China, Singapur, Corea, Australia, Indonesia, Filipinas e Tailandia.

A seguinte semana, entre o 23 e o 25 de outubro, Turismo de Santiago estará presente no Spain 360º Annual Workshop, organizado conxuntamente en Nova York polas catro Oficinas de Turismo de España en Estados Unidos e as dúas de Canadá.