As Cidades Patrimonio da Humanidade presentan a súa oferta para o 2017

A concelleira de Turismo, Marta Lois, representou a Santiago no acto de presentación da oferta turística e cultural das cidades pertencentes o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, entidade que reúne as 15 cidades inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.

O acto, que se celebrou no Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid, tiña por obxectivo achegar ao segmento dos profesionais do sector turístico e cultural e aos medios de comunicación especializados da capital a variada oferta patrimonial destes destinos, así como as propostas e eventos de interese turístico que ao longo do próximo ano ofrecerán nos seus calendarios cada unha das cidades: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Conca, Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda. 

A presentación correu a cargo da presidenta do Grupo e alcaldesa de Cáceres, Elena Nevado, e contou coas intervencións da secretaria de Estado de Turismo, Isabel Borrego; do director xerente do Museo Thyssen, Evelio Acevedo; e da alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena. Asistiron tamén os alcaldes de Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Córdoba, Eivissa, San Cristóbal de la Laguna, Segovia, Tarragona e Úbeda, e os concelleiros de Turismo das 15 cidades do Grupo.

O pasado histórico das Cidades Patrimonio, así como o seu legado cultural, arquitectónico e paisaxístico, fixo delas unhas cidades especiais e cheas de esencia, dignas merecedoras de formar parte do selecto grupo de cidades inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco, na que España ocupa o terceiro lugar do mundo tras Italia e China con maior número de bens incluídos.