Andaina Viño de Monterrei

A terceira edición da andaina “Viño de Monterrei” será un paseo pola riqueza patrimonial e cultural deste municipio, cunha distancia de 18 quilómetros de dificultade media, a saída efectuarase ás 10.00 do vindeiro domingo día 16 de outubro.

A presentación desta proba deportiva tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial da Deputación de Ourense, acto no que participou o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o alcalde do Concello de Monterrei, José Luís Suárez; o responsable de Deportes do Concello de Monterrei, Marcos Meno; e a membro da cooperativa Xeitura, Begoña Garrido.

A Deputación de Ourense apoia este tipo de iniciativas “que poñen en valor o territorio e neste caso, o seu produto estrela, o viño, a través do deporte”, afirmou Juan Anta, quen sinalou a importancia destas probas deportivas “como ferramenta para promocionar o noso rural”.

O alcalde do Concello de Monterrei explicou que o obxectivo desta andaina é “fomentar a práctica deportiva, que mostra o noso compromiso coa vida saudable, así como, mesturar o deporte coa posta en valor do noso abundante patrimonio artístico, cultural e natural. Trátase de levar a cabo iniciativas que dinamizan o rural, no noso caso, no sector vitivinícola, tan importante no noso municipio”.