Amigos da Cociña Galega, de xuntanza por Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Salón de Plenos da Deputación de Ourense, á asociación “Amigos da Cociña Galega” encabezada polo seu presidente, o restaurador, Pepe Solla, que por primeira vez celebra en Ourense un encontro de profesionais gastronómicos chegados de diferentes puntos da xeografía española e doutros países.

Manuel Baltar agradeceu o traballo que realiza esta asociación “pola súa importancia e polo que defende, xa que a gastronomía é un dos estandartes da nosa cultura”. Nese mesmo senso, puxo en valor a riqueza gastronómica de Ourense lembrando que contamos “con catro denominacións de orixe vitivinícolas, o coñecido pan de Cea, os pementos con denominación de orixe de Oímbra e Arnoia, e a castaña, todo elo supón un marco fabuloso para vender e competir”, e salientou o labor que realiza o goberno provincial, “que defende os intereses da provincia de Ourense, a única provincia de Galicia que non ten mar pero que chega a todos os mares do mundo a través da súa xente traballadora, creativa e emigrante”.