A Xunta destina un millón de euros para melloras en prazas de abastos e mercados tradicionais

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de conceder apoios por preto dun millón de euros para impulsar a excelencia das prazas de abastos e mellorar os espazos dos mercados tradicionais galegos, colaborando cun total de 31 concellos e 10 asociacións de praceiros.

Estas axudas enmárcase no Plan de mercados excelentes de Galicia 2016-2020, que destina un total de 20 millóns de euros ata 2020 a impulsar a calidade e a competitividade das prazas de abastos galegas, a través dun total de 20 actuacións específicas que permiten potenciar estas infraestruturas comerciais como espazos de emprendemento e de dinamización económica, adaptados aos novos hábitos dos consumidores e vinculados ao territorio.

Entre os obxectivos do Plan fíxase a incorporación á Rede de mercados excelentes de, cando menos, 20 prazas; incrementar nun 15 % a ocupación das prazas, ata superar os 3.300 postos activos; ou aumentar nun 50 % o asociacionismo, chegando ata os 45 mercados con estrutura asociativa.