A Escola de Turismo Itinerante reinicia a actividade

A Escola de Turismo Itinerante de Turismo de Galicia continúa formando aos profesionais da hostalería de Galicia. Esta escola, que evidencia a firme aposta de Turismo de Galicia pola formación, reiniciou a súa actividade cun novo módulo formativo sobre Atención ao Cliente na sede do Centro Superior de Hostelería de Galicia e que ten previsto novas edicións en Portomarín e Melide os días 17 e 24 de outubro respectivamente.

Con este tipo de cursos, a Escola de Turismo Itinerante do CSHG pretende mellorar a calidade do servizo en sala dos restaurantes do Camiño, incidindo na calidade e técnicas na atención ao cliente, no coñecemento dos diferentes tipos de clientes e no tratamento de queixas e reclamacións. 

Deste xeito, estes cursos formativos teñen como obxectivo concienciar e facilitar a estes profesionais, que son grandes promotores do Camiño de Santiago e da gastronomía galega, as ferramentas precisas para que o cliente reciba unha atención de calidade nos establecementos que visitan. 

O curso que se celebrará en Portomarín terá lugar na Casa da Cultura que se atopa na Rúa Ánxel Fole. En Melide, a formación repetirase na aula de formación que a Asociación Empresarios Terra de Melide (ASETEM) ten na rúa Lino Sexto.