650 millóns que invertir no ferrocarril Lugo-Ourense

www.deputacionlugo.org
Durante a presentación oficial do informe elaborado polo Eixo Atlántico, no que revelan a necesidade de investir 650 millóns de euros na liña de ferrocarril Lugo-Ourense nun prazo de 5 anos, para equipar os servizos da provincia lucense aos das restantes galegas, o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, subliñou “que a provincia de Lugo está completamente discriminada no que as comunicacións se refire, xa non só no sector do ferrocarril, senón tamén nas autovías”. 

Campos destacou que “queremos que nos deixen de tratar como cidadáns de segunda. Os lucenses non queremos máis privilexios que o resto de galegos, pero como mínimo, solicitamos ter os mesmos”.

No acto, no que tamén participaron a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López; o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tome Roca; o Secretario Xeral Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mato; e o Catedrático de Ferrocarrís da Universidade da Coruña, Miguel Rodríguez Bugarín.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, agradeceu o importante traballo realizado neste informe, indicando que “pon de manifesto a importancia de ter uns servizos de ferrocarril axeitados co fin de lograr o desenvolvemento da cidade e da provincia de Lugo, porque precisamos dunhas infraestruturas que cohesionen o territorio e que poñan ao ferrocarril como elemento vertebrador desas conexións”.

“Necesitamos estes servizos ferroviarios, pero tamén ao tren de alta velocidade, que creo que nos corresponde, así como a intermodal, fundamental para mellorar as comunicacións entre as cidades de Galicia”, destacou a rexedora.

Pola súa banda, José Tomé Roca, demandou o compromiso de todas as administracións para atender as necesidades do ferrocarril na provincia, e remarcou que “este non é un tema local, é un asunto que compete a toda Galicia”.

Xoán Vázquez Mato, Secretario Xeral Eixo Atlántico, asegurou que este investimento de 650 millóns de euros “é urxente, e necesario para a cohesión de Galicia, non podemos ter un pais a dous velocidades” e insistiu que “este proxecto é viable para contribuír ao desenvolvemento económico e a creación de emprego na provincia”.