Xornada conmemorativa do recoñecemento do Camiño de Inverno como ruta Xacobea

A Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra celebrou hoxe en Chantada unha xornada conmemorativa do recoñecemento oficial do Camiño de Inverno como nova ruta de peregrinación a Compostela, recollida como tal na nova Lei do patrimonio cultural de Galicia, que entrou en vigor o pasado mes de agosto. Ao longo do día, os participantes percorreron un tramo do Camiño de Inverno, participaron na tradicional Feira das Cabras e visitaron as adegas Vía Romana e a igrexa románica de Santa María de Pesqueiras. 

Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; canda o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela Rodríguez, e a presidenta da asociación xacobea organizadora, Aida Menéndez, participaron na descuberta dunha placa conmemorativa perante a Casa da Cultura de Chantada, en lembranza deste fito que supón un recoñecemento patrimonial do Camiño de Inverno e un revulsivo económico e turístico para os concellos que atravesa.

Neste sentido, o titular de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, indicou que nos oito primeiros meses deste ano xa se superaron os 200.000 peregrinos no Camiño de Santiago, o que contribúe á internacionalización de Galicia. En concreto, destacou a importancia de potenciar o Camiño de Inverno, o que permitirá xerar oportunidades para o tecido produtivo da comarca da Ribeira Sacra. 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria tamén puxo en marcha a iniciativa Mercados no Camiño, coa que preto de 60 prazas de abastos de Galicia teñen a oportunidade de dar a coñecer os seus mercados e a calidade dos seus produtos. Conde citou en concreto o caso do Camiño de Inverno, no que, entre outros, se atopan o mercado de Chantada.