Santiago acolle a Maker Faire Galicia os días 1 e 2 outubro

A segunda edición da Maker Faire da historia de Galicia en Santiago de Compostela, no centro comercial Área Central, volve a contar coa colaboración do Departamento de Promoción Económica do Concello. 

Tras a exitosa primeira edición, que contou coa participación de 138 makers e asistiron como público arredor de 18.000 persoas, a Compostela Maker Faire convértese neste ano na Maker Faire Galicia, co obxectivo de converterse nun evento anual que sirva de punto de encontro para a comunidade creadora, potenciando unha Galicia innovadora e colaborativa.

A fórmula de Galicia Maker Faire consiste en reunir nun mesmo espazo e tempo a persoas que fan cousas incribles e están dispostas a partillalas co público. Facer visible a produción colaborativa da Galicia máis innovadora aumenta a inquedanza por aprender facendo á vez que se serve de punto de contacto para a transmisión de coñecemento entre as distintas xeracións.

Durante dous días estarán representados proxectos relacionados coa robótica, impresión 3D, gastronomía, electrónica, artesanía, música, arte urbana, etc. Haberá espazo para talleres, mesas redondas, presentación de proxectos, espectáculos e actividades para todos os públicos. A previsión é que se superen os/as 150 makers participando no evento.

O movemento maker reúne baixo un mesmo paraugas un crecente número de persoas de distintos perfís que usan técnicas Do-It-Yourself e Do-It-Togetherpara desenvolver tecnoloxías únicas e solucións innovadoras. Europa é o continente cun maior número de Makerspaces e Fablabs, ademais de dar a luz a proxectos como Arduino, Raspberry Pi ou RepRap, todas ferramentas de código aberto que democratizaron o acceso a tecnoloxías como a electrónica, a programación e a impresión 3D.

A cultura maker e a súa filosofía de compartir coñecemento está permitindo a creación de novos espazos de encontro e traballo (Hackerspaces, Fablabs,Makerspaces, Techshops) nos que se fabrican as últimas vangardas tecnolóxicas e que favorecen a transferencia de coñecemento; novos traballos (tecnólogo creativo, deseñador de interacción, emprendedor dunha startup de hardware, fabricante ou distribuidor de impresoras 3D, experto educativo, piloto de drons e moitos máis); novas ferramentas educativas que funcionan con todos os públicos e que son accesibles a todos a través de Internet; e novos tipos de festivais-feiras que potencian o uso das tecnoloxías creativas como as Maker Faire.