O chef Hirohisa Koyama está de visita en Galicia

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou hoxe a proxección que están a acadar os produtos agroalimentarios galegos nos diferentes mercados, grazas á súa extraordinaria calidade e ao recoñecemento que teñen entre os consumidores, tanto no eido nacional como internacional. Explicou ademais que a Xunta defende a súa posta en valor e promove a súa visibilidade, con diferentes accións de promoción. Lembrou tamén que a gastronomía é un dos principais recursos turísticos de Galicia, sendo o segundo motivo de visita para os nosos turistas, tras a natureza.

Neste contexto da divulgación, a conselleira e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, acompañaron hoxe ao prestixioso chef xaponés Hirohisa Koyama en dúas das súas visitas programadas durante a súa estadía na nosa Comunidade. Esta estancia está promovida por Turismo de Galicia co fin de que poida coñecer de primeira man, precisamente, a calidade dos nosos produtos alimentarios e a nosa oferta gastronómica.

O programa da súa visita inclúe clases maxistrais para alumnos e profesores organizadas polo Centro Superior de Hostelería de Galicia e percorridos por diferentes restaurantes, explotacións e empresas do sector primario galego. E visitas á Finca Los Cuervos S.L, en Teo, adicada á agricultura ecolóxica; á granxa escola O Curral do Galo Celta, en Vila de Cruces; á Pementeira, en Padrón; Porto Muiñós, en Cerceda; explotacións de Rubia Galega en Cospeito e Portomarín; e ao longo do domingo e o luns coñecerá a produción de mexillóns e albariño nas Rías Baixas, antes de regresar, o martes, a Xapón.