Novo albergue de peregrinos no casco vello de Ourense

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a formalización do contrato da obra do proxecto básico e de execución para a adaptación como albergue de peregrinos dun inmoble situado no Casco Vello de Ourense, entre as Burgas e a propia Praza Maior, concretamente na rúa Barreira.

A través do dito contrato rehabilitarase, así, un edificio histórico en estado de abandono no centro da cidade ourensá para a acollida de peregrinos na Vía da Prata. Con esta obra, que conta cun orzamento de 508.888 euros, a Xunta de Galicia adaptará o edificio creando as dependencias necesarias para acoller o albergue de peregrinos como salas de estar, cociña, cuartos de duchas e aseos e dormitorios.

O futuro albergue ampliará, deste xeito, a oferta da Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago mellorando a capacidade de acollida aos peregrinos. Así mesmo, permitirá poñer en valor un edificio histórico en plena cidade e dinamizará a oferta turística da zona.

Na actualidade a Rede Pública de Albergues suma 70 albergues que ofrecen máis de 3.200 prazas ao longo das diferentes rutas do Camiño de Santiago. Na Vía da Prata sitúanse doce albergues dentro desta rede pública, nove deles na provincia de Ourense e tres establecementos na provincia de Pontevedra.