Lugo cerra agosto con 18.000 persoas entre a Oficina Municipal de Turismo e os museos municipais

Durante o mes de agosto ao redor de 18.000 persoas pasaron pola Oficina Municipal de Turismo e os museos municipais. Concretamente, o centro de atención aos turistas da Praza do Campo atendeu o pasado mes un 6% máis de visitantes que hai un ano e un 19% máis que hai dous, e os museos municipais preto de 6.700 persoas, unhas 1.200 máis que no mes de xullo. 

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, se amosou satisfeita cos datos obtidos neste agosto, nos que a Oficina Municipal atendeu a unha media de 356 persoas ao día. Non en van, para a edil é fundamental seguir traballando na liña de potenciar as singularidades de Lugo, cun amplo abano de actividades turísticas de calidade que potencien estas excepcionalidade, capaces de dinamizar a cidade tanto cultural como turisticamente, como as postas en marcha este verán baixo o nome De Verán nas Rúas.

Carmen Basadre apuntou ademais que estes “os excelentes datos que vimos encadeando mes tras mes poñen de manifesto que a política en materia de turismo que estamos levando dende o equipo de Goberno da os seus froitos”.

A cidade luguesa un verán máis continúa sendo un referente para os turistas nacionais, avanzou Basadre, ao tempo que sinalou que o 88% dos visitantes atendidos na Oficina Municipal de Turismo eran españois. Un mes máis, os madrileños continúan estando á cabeza (2.481), seguidos dos cataláns (1.378). Tamén destacan as visitas dos viaxeiros procedentes de León (1.063) e Andalucía (1.029). Dos visitantes estranxeiros, o 30% procedían de Francia e Italia, tal e como explicou a Concelleira, quen subliñou que tamén visitaron a cidade portugueses, arxentinos, estadounidendes e alemáns.

En canto á ocupación hoteleira, a edil explicou que no mes de agosto superou o 84%, incrementándose as pernoctacións en 6,5 puntos con respecto ao mesmo mes do pasado ano. Basadre asegurou que é preciso seguir impulsando e aproveitando as sinerxias entre o goberno local e o sector comercial e turístico para poder incrementar as pernoctacións na cidade. “De cara ao futuro, o reto do Concello é conseguir que se rompa a estacionalidade e se alongue a tempada de turismo, polo que seguiremos poñendo en marcha diferentes actuacións”, subliñou a edil.

En canto aos museos, a Casa dos Mosaicos continúa a ser a máis visitada, con 3.343 persoas, 1.285 máis que no pasado mes, seguida da Domus do Mitreo, con 2.062 visitas, e o Museo Interactivo da Historia de Lugo, con preto de 550. Á sala de Exposicións de Porta Miñá e ao Centro Expositivo de San Roque achegáronse unhas 502 e 238, respectivamente.