Buscar/Hemeroteca

martes, 20 de septiembre de 2016

Levántase oprimeiro esqueleto que aparece na Lanzada nos últimos 50 anos

www.depo.es
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, e o arqueólogo responsable da intervención no Campo da Lanzada, Rafael Rodríguez, visitou esta mañá o xacemento para ver in situ o levantamento do esqueleto achado polo equipo de arqueoloxía que está a realizar a intervención. O esqueleto, posiblemente dunha muller nova, trátase do primeiro que aparece no Campo da Lanzada desde a década dos 60-70 do século pasado.

Tal e como asegurou a presidenta da Deputación de Pontevedra, o esqueleto que se está a levantar hoxe na Lanzada, en excelente estado de conservación, é o primeiro dos atopados nas intervencións que a institución provincial está a realizar na provincia no marco do protocolo asinado co Ministerio de Fomento. A falta do estudo que se realizará en Santiago e cuxos resultados se coñecerán nun prazo comprendido entre un e dous meses, "parecer ser -tal e como declarou Carmela Silva- que se trata dunha muller nova que realizaba unha actividade física intensa". Ademais, grazas a este estudo que se realizará de "Cornelia" -como así a denominou o equipo de arqueoloxía ó coincidir o achado con esa onomástica-, Silva destacou que "poderemos coñecer como se alimentaban os nosos antepasados, que tipo de parasitos ou enfermidades padecían, presenza de metais, etc.".

Carmela Silva subliñou que "o que está acontecendo na Lanzada está continuamente sorprendéndonos. Ata o momento xa se acharon máis de 3.000 pezas e estruturas descoñecidas que nos están a aportar máis información da que esperábamos". Neste eido quixo agradecer o traballo "das e dos profesionais da Deputación de Pontevedra grazas ó cal estamos atopando datos moi valorosos para reescribir a nosa historia".

Pola súa banda, o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, amosou o seu total agradecemento e colaboración coa Deputación de Pontevedra "para que continúe impulsando e descubrindo máis do que significaba este territorio non en vano a zona do Salnés –salinas- está moi relacionada con este xacemento". Tamén asegurou que o Campo da Lanzada "se vai converter nun dos atractivos turísticos máis importantes da comarca".

O arqueólogo da Deputación de Pontevedra destacou que o achado de Cornelia "supón a confirmación da extensión da necrópole galaico-romana ata a área de ocupación, ó carón das vivendas" e engadiu que "nos permitirá contar a historia das galegas e dos galegos, poñerlle cara ás e ós protagonistas reais do que aconteceu neste territorio". Ademais, Rafael Rodríguez subliñou que o estudo que se realizará en Santiago "permitirá datar ó esqueleto e determinar se pertence á etapa prerromana ou romana".

A intervención arqueolóxica do Campo da Lanzada, que comezou o pasado 20 de xullo e continuará ata novembro deste ano e se enmarca no protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento, pretende triplicar a zona visitable da escavación, poñendo en valor a área romana do recinto co fin de aclarar cronoloxías. Para elo, a Deputación de Pontevedra está a investir 262.541,48 € para a posta en valor deste xacemento galaico-romano no que xa se atoparon máis de 3.000 pezas da época romana e se están sacando e consolidando estruturas romanas e castrexas.

A Lanzada trátase dun asentamento fundamental para coñecer o mundo da Idade de Ferro no noroeste peninsular, desde o que se desenvolvían actividades comerciais de grande envergadura, conectando esta zona con puntos do Mediterráneo tan distantes como Palestina, Italia ou Tunisia. Tamén neste xacemento atopáronse vestixios que permiten situar á primeira factoría de salgados do noroeste peninsular.

No hay comentarios: