Importante incremento de visitantes ó Museo de Pontevedra

A recén clausurada 'Meu Pontevedra!', coa que a Deputación de Pontevedra conmemorou o centenario da chegada de Castelao á cidade do Lérez. , recibiu ata o pasado domingo 11 de setembro un total 11.851 visitantes. 

Esta mostra, que abrira as súas portas o pasado 28 de xuño, acadaou un éxito de público en consonancia co da anterior exposición sobre este autor, que levara por título 'Castelao Artista', e que en palabras do deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, "dá mostra de que a programación realizada con criterios técnicos é o que buscan os visitantes no Museo e estes datos así o evidencian".

Entre todas as actividades e ofertas expositivas, este verán o Museo de Pontevedra recibiu un total de 43.001 visitantes. "O que pretendemos é que a xente que se achegue a Galiza e a Pontevedra teña no Museo unha visita obrigada, e as nosas expectativas estanse a cumprir" sinalou Leal unha vez coñecido este dato.

O incremento de visitantes faise patente ao igualar en algo máis de oito meses o total dos visitantes recibidos no conxunto do pasado exercicio. Así, entre o 1 de xaneiro e o 11 de setembro de 2016 o Museo contabilizou 72.677 visitantes, mentres que no conxunto de todo o 2015 recibiu 73.715 visitas. Neste sentido, o deputado de Cultura e Lingua manifestou que "contando con que quedan aínda catro exposicións moi relevantes antes de que finalice este exercicio, esperamos que este ano sexa histórico en canto a número de visitantes que se acheguen a coñecer este Museo".

A primeira destas catro mostras mencionadas polo deputado abrirá as súas portas mañá mércores no Edificio Sarmiento e leva por título 'Saúde e Terra, irmá(n)s'. Trátase da exposición organizada polo Museo do Pobo Galego, a Real Academia Galega e a Deputación da Coruña para conmemorar o centenario da fundación das Irmandades da Fala, e que en virtude dunha colaboración coa Deputación de Pontevedra chega ao Museo onde permanecerá ata o 2 de outubro.