Imos de tapas a Lugo e xa nos quedamos para o San Froilán

A Concelleira Turismode Lugo, Carmen Basadre, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), Cheché Real, presentaron o XII Concurso de Tapas de Lugo, que acollerán un total de 44 locais hostaleiros da cidade do 9 ao 25 de setembro. O Concello colabora un ano máis con esta cita gastronómica cunha achega duns 15.000 euros, posto que se enmarca dentro do compromiso da entidade local co impulso do turismo de calidade.

Carmen Basadre salientou que “este tipo de iniciativas serven para dar a coñecer a nosa cidade, e facer bo o slogan promocional da hostalería lucense ... E para comer Lugo, que xunto con outras potencialidades, como os tres Patrimonios da Humanidade, contribúen dun xeito moi importante á promoción turística de Lugo en todo o mundo”.

Cheché Real destacou os premios que se sortearán entre os consumidores que proben as tapas e as valoren do 1 ao 5, de menor a maior puntuación. Os clientes que cubran todos os selos, 44 en total, entrarán nun sorteo dunha viaxe a unha cidade europea para dúas persoas.

Os 44 locais que participan nesta edición concorrerán cunha única tapa que se poderá degustar dende as 13:00 ata as 15:30 horas e de 20:00 a 22:30 horas con prezos que van dende 1 a 3 euros.

A elección do gañador se fará de xeito popular, e será o que teña a tapa máis votada. Haberá tamén un premio de tapa ecolóxico NaturaLugo, onde o público escollerá aos 12 finalistas, correndo a elección final a cargo dun xurado profesional, outorgando o primeiro, segundo e terceiro premio, así como os distintos maridaxes con Estrella de Galicia e Ribeira Sacra.