Feiraco no Festival da Luz

En liña co compromiso adquirido con Galicia e a súa cultura, Feiraco participa no quinto aniversario do Festival da Luz. E faino instalando unha caseta propia no Mercado da Luz con produtos propios, doando o recadado á organización do festival quen o destinará a Oxfam Intermón en beneficio dos afectados polo actual conflito en Siria. 

Ademais, a cooperativa contempla no seu programa de actividades talleres de contacontos e debuxo para explicar aos máis pequenos da casa de onde vén o leite a través do conto infantil do mesmo nome que foi editado por Feiraco para contar de maneira didáctica o proceso do leite e o traballo da cooperativa. 

Seguindo coas actividades pensadas para os máis pequenos, Feiraco organizará tamén un taller de fabricación de pins e sumarase á gymkana infantil prevista pola organización do festival no marco do seu espazo cultivando deporte mini. Feiraco convidou tamén aos seus seguidores en Facebook a esta cita coa música sorteando 80 abonos para o tres días co obxectivo de que os gañadores poidan gozan en familia dos concertos e do Mercado da Luz.