Dez anos de outono gastronómico

O Outono gastronómico en turismo rural, que este ano cumpre unha década combinando a enogastronomía coas estancias nos establecementos rurais galegos, dará comezo o próximo 16 de setembro. Así o anunciou a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polos presidentes da Federación Galega de Turismo Rural, Cesáreo Pardal (FEGATUR); Asociación Galega de Turismo Rural, (AGATUR), Manuel Luciano Sánchez; e Asociación de Turismo Rural Agarimo, Ventura García Fafián.

O Outono gastronómico en turismo rural é un produto creado por Turismo de Galicia en colaboración coa rede de establecementos de Turismo Rural de Galicia que busca dinamizar o turismo no eido rural, desenvolvendo a oferta complementaria e favorecendo a desestacionalización.

O éxito obtido nas edicións anteriores consolida este programa como unha proposta ben contrastada e demandada polo público e polas casas rurais de Galicia de xeito tal que este ano 2016 ponse en marcha o X Outono gastronómico coa participación de 92 establecementos rurais dos que 19 son da provincia da Coruña; 24, da de Lugo; 23, da de Ourense; e 26, da de Pontevedra.

No outono gastronómico en turismo rural cada unha das casas participantes ofrece dous menús diferentes, exclusivamente concibidos para a ocasión. Así, a oferta Menú outono gastronómico inclúe os entrantes, primeiros e segundos pratos, sobremesas, cafés ou infusións, viños de denominación de orixe galega e outras bebidas.

Tamén se ofrece a posibilidade de adquirir o Paquete outono gastronómico que permite degustar o Menú outono gastronómico e pernoitar na casa de turismo rural elixida, incluíndo os almorzos do día seguinte. Esta modalidade ofrece un menú por persoa máis aloxamento e almorzo nunha nunha das casas de turismo rural participantes na promoción –noite de venres ou sábado a escoller-. 

Outra das posibilidades que se recolle na promoción é gozar da Fin de semana Outono Gastronómico, que inclúe dous menús por persoa máis o aloxamento -noite de venres e sábado-, e se quere compartir coa familia unha fin de semana dentro deste programa turístico, existe a Fin de semana familiar outono gastronómico que inclúe ofertas para un e dous nenos ata 14 anos.