Aumento da rendibilidade turística

O turismo en Galicia rexistrou no verán un importante incremento da afluencia turística o que se traduciu nunha mellora, ademais, dos niveis de ocupación, ingresos e rendibilidade do sector, así como nun incremento do volume do emprego. Así o reflicte o último informe presentado no Consello da Xunta.

O incremento dos niveis de demanda e ocupación permitiu mellorar os niveis de rendibilidade en relación ao mesmo período de 2015 subindo o RevPAR un 8,3%. Así mesmo, tendo en conta as cifras de ocupación e as tarifas medias aplicadas nos hoteis e pensións de Galicia, estímase que o ingreso total do sector do aloxamento – por habitación dobre en réxime de AD- foi de 38,8 millóns de euros no mes de xullo, cifra que supera nun 11,5% o dato do pasado ano. Deste xeito, en termos absolutos o sector hoteleiro incrementou os seus ingresos en catro millóns de euros en relación con xullo de 2015.

Por outra banda, o volume de pasaxeiros incrementouse nos tres aeroportos galegos, destaca en intensidade o crecemento rexistrado en Peinador, onde a cifra de viaxeiros subiu nun 28% -acadando máis de 100.000 neste primeiro mes do verán-. En Alvedro e Lavacolla rexistráronse tamén cifras positivas, con incrementos do 4,1% no primeiro – acadando preto de 105.000 pasaxeiros- e do 3,1% en Santiago –liderando o mercado aeroportuario da comunidade con máis de 260.000 pasaxeiros no mes de xullo-.

Os datos positivos do sector turístico veñen acompañados, así mesmo, dunha mellora en termos de emprego. Tomando como referencia as afiliacións á Seguridade Social – en particular as referidas ás ramas de hostalaría e axencia de viaxes- obsérvase neste mes de xullo un incremento do 3,5% respecto as cifras rexistradas en 2015, cun total de 84.967 no conxunto da comunidade.