Alibós Galicia exporta o 95% da súa produción de castaña e derivados

A conselleira con Jesús Quintá, de Alibós
Alibós Galicia conta na actualidade con 300 ha de soutos -tanto de nova plantación como rehabilitados- e ten en proxecto chegar ás 1.000 ha de souto xestionadas por esta sociedade creada no ano 2006 que se dedica á produción de castaña pelada e conxelada, destacando a elaboración de marrón glacé, conservas de castaña en xarope ou ao natural, cremas e purés, entre outros produtos.

Esta diversificación de oferta de produtos é o que fai desta empresa un referente no sector e no mercado internacional, xa que a día de hoxe o 95% da súa produción é exportada a países como Francia, Reino Unido, Suíza, Xapón, EEUU, Bélxica, Alemaña, Italia, Hungría ou Portugal.

A empresa, que está localizada en Monterroso, na luguesa comarca da Ulloa, foi visitada pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, quen destacou o labor desta entidade na recuperación de soutos de castiñeiros abandonados. Alibós Galicia solicitou as axudas para a plantación de castiñeiros para froito, que este ano contou cun orzamento de 2,6 millóns de euros, e que ten entre os seus obxectivos fomentar os sistemas agroforestais e a súa preservación, o aproveitamento sostible dos soutos de castiñeiros, o mantemento da actividade agraria nas zonas rurais e o apoio a un produto galego de calidade amparado pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia.