Buscar/Hemeroteca

lunes, 19 de septiembre de 2016

A transformación, clave para o sector lácteo galego

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, salientou a importancia da transformación como factor clave para a posta en valor do leite producido en Galicia. Fíxoo con motivo da súa visita ás instalacións da planta vilalbesa de Queserías Entrepinares, na que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

A conselleira felicitou aos responsables desta empresa por confiar nos gandeiros galegos para aprovisionarse de materia prima coa que elaborar queixos e outros derivados lácteos. E nesta liña da aposta pola transformación situou o futuro do sector, que segundo afirmou pasa, en gran medida, pola capacidade de darlle valor engadido á materia prima –o leite líquido– a través destes procesos propios da industria agroalimentaria.

Neste sentido, a compañía anunciou unha ampliación da súa planta de Lugo o que supón aumentar tamén a súa produción e, polo tanto, “redobrar a súa aposta por Galicia”, en palabras da propia conselleira. Esta renovación contará con apoio da Xunta de Galicia no seu financiamento. 

En concreto, a Consellería do Medio Rural colaborará con máis de 4,7 millóns de euros na construción dunha torre de secado do soro para a elaboración do queixo. Para a instalación desta torre precisase construír tres naves: unha para albergar a maquinaria do proceso, outra como almacén do produto rematado e outra para a zona de expedición. Esta obra, xunto á compra dos equipamentos necesarios, suporá un investimento total de 15.178.003,83 euros e evitará que o soro procedente da planta de Vilalba sexa procesado en Zamora.

No hay comentarios: