A produción agroecolóxica en Galicia progesa con firmeza

“O valor da produción baixo o selo do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) vén aumentando a un ritmo importante nos últimos anos. Así, no 2015 alcanzáronse os 33 millóns de euros de facturación dos que a provincia de Lugo correspóndelle arredor dunha terceira parte, uns 11 millóns de euros”.

Así o expuxo a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, na inauguración do XII Congreso de la Sociedad Española de Agricultura Ecológica (SEAE) que se celebra estes días en Lugo e no que aproveitou para destacar a boa evolución que dende fai anos rexistra este sector en Galicia.

“A gran capacidade da agricultura ecolóxica para crecer, mostra que na agricultura e na gandaría en Galicia hai lugar para o emprendemento e futuro para as novas xeracións”, declarou a directora xeral durante a súa intervención na que fixo balance dos últimos datos do sector. 

En canto á superficie, no 2015 ata 20.300 hectáreas estaban dedicadas ao sector agroecolóxico en Galicia, o que supón un incremento do 33% respecto a 2014. Neste aspecto, Lugo duplica ao resto de provincias con 12.000 hectáreas. En torno ao 90% desta produción ecolóxica certificada procede dos sectores do leite, carne, castañas e sidra. Ao tempo que crece a extensión de terreo, aumenta en paralelo o número de operadores ecolóxicos e no 2015 contabilizáronse 721 inscritos, 558 produtores e 163 elaboradores.