82º Congreso do PEN Internacional en Ourense

 Do 26 de setembro ao 2 de outubro a provincia de Ourense acollerá a máis de 200 escritores de todo o mundo na celebración do 82º Congreso do PEN Internacional, o organismo máis importante do mundo no ámbito da literatura, dos dereitos humanos e da liberdade de expresión, "un evento que converterá á provincia ourensá na capital mundial da literatura", tal e como afirmou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na presentación do congreso, que tivo lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", que será a sede central deste encontro literario. 

Baltar, acompañado do presidente do Centro PEN Galicia, Luis González Tosar; do coordinador do congreso, Xavier Castro, e da escritora e membro da comisión organizadora, Inma López Silva, deron conta do programa do congreso, que baixo o lema "Erguendo pontes literarias "será unha das grandes novas do ano para Ourense pola repercusión internacional que a nosa provincia terá no ámbito literario", expresou o presidente do goberno provincial.

Baltar, quen augura "un éxito de convocatoria, de contidos e de mensaxes desde Ourense para o mundo", destacou o acerto do lema do congreso "pois a capital ourensá e a provincia son tamén territorios de pontes que nos unen nos ámbitos xeográfico e do pensamento con calquera lugar", e engadiu que a Deputación de Ourense "está a apoiar desde o primeiro momento este proxecto, rigoroso e con criterio, que actualiza e difunde a nosa literatura e que nos conecta co eido literario dos cinco continentes nun evento de grande relevancia".

O congreso está organizado pola Deputación de Ourense e o PEN Galicia. A candidatura de Ourense competiu con outra en España como foi a presentada por Girona e con países como Ucraína, Filipinas, Bolivia e Alemaña. "Seremos o centro de debate mundial no ámbito literario e a Ourense virán destacados escritores e escritoras, grandes prescriptores de opinión, nun evento que conta co apoio decidido do goberno provincial", afirmou Manuel Baltar.