Un grupo de mozos e mozas acondicionarán o Castro de Punta dos Prados en Ortigueira

Un grupo de mozos e mozas realizarán tarefas de acondicionamento e divulgación do Castro de Punta dos Prados, situado no municipio coruñés de Ortigueira, en concreto, na parroquia de Espasante. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, presentou hoxe xunto cos seus responsables esta actividade, que se enmarca na acción Iniciativa Xove. Así, os rapaces e rapazas impulsores destes traballos reciben ao abeiro deste programa de participación xuvenil unha axuda de 5.000 euros que lles permite acometer a limpeza do manto vexetal do xacemento arqueolóxico co obxecto de facelo visible e que se poida visitar, ao tempo que realizan unha serie de actividades de divulgación cultural para achegar o castro á comunidade local e implicar aos veciños na súa conservación. 

Cecilia Vázquez destacou de Iniciativa Xove que se trata dunha proposta “onde a Administración non lle di aos mozos e mozas o que teñen que facer, senón que lles pide propostas para despois apoialas, procurando que a burocracia ceda o protagonismo á xuventude”. Así mesmo, engadiu que “este programa Xove está pensado como un instrumento para que a mocidade poida demostrar a súa capacidade para organizar, emprender e impulsar actividades dirixidas á xuventude, ao tempo que se fomenta a súa participación, se estimula o talento xuvenil e permite poñer en práctica as súas ideas”.