Turismo de Galicia asiste por vez primeira á Birdfair de Londres

Turismo de Galicia participará por primeira vez no certame especializado Birdfair de Londres para dar a coñecer as rutas ornitolóxicas do programa ‘Galicia Birding’, así como os produtos relacionados con esta modalidade de turismo.


Trátase dunha feira líder en Europa no relativo a turismo ornitolóxico, organizada pola Leicestershire & Rutland Wildlife Trust en colaboración coa Royal Society for the Protection of Birds de Gran Bretaña.

Este certame, que se celebra entre os días 26 e 28 de agosto, está aberta a profesionais e público durante os tres días da súa celebración e terá lugar no recinto feiral de Rutland Water Nature Reserve.

‘Galicia Birding’, presentado o pasado mes de xullo pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, é o programa de turismo ornitolóxico da Comunidade galega que comprende un total de 148 roteiros e 600 puntos destacados para achegar esta modalidade turística ao conxunto de todos os turistas e tamén á poboación local.