Buscar/Hemeroteca

lunes, 8 de agosto de 2016

Santiago gaña a II Convocatoria de Cidades Intelixentes

O Concello de Santiago vén de gañar a II Convocatoria de Cidades Intelixentes promovida polo Ministerio de Industria, co proxecto Plataforma de goberno aberto, colaborativo e interoperable. "Para nós", explicou o alcalde de Santiago, Martiño Noriega Noriega, "é un éxito ter sido un dos 14 proxectos elixidos dos 111 presentados e, ademais, ter obtido a terceira mellor puntuación. Esta proposta supón dar un paso máis de cara a mellorar a transparencia no noso Concello".

Este proxecto é ademais o único proxecto gañador que foi presentado en colaboración con outras cidades, como A Coruña, Zaragoza ou Madrid, "o que demostra que o traballo en rede, con independencia da cor política, resulta tremendamente positivo cando nos marcamos obxectivos comúns e cando queremos ser máis eficientes na xestión e no uso dos fondos públicos", apuntou o alcalde.

Esta convocatoria supón o acceso a máis de dous millóns de euros de subvención para a posta en marcha de actuacións relacionadas coa transparencia. Desa cantidade, o Concello de Santiago recibirá 300.000 euros e deberá aportar 200.000 de fondos propios. Na realización do proxecto, o Concello obtivo o apoio de diversas entidades e empresas, tanto a nivel local e galego como estatal.

O proxecto permitirá normalizar a semántica dos datos, é dicir, que todos os concellos utilicen a mesma terminoloxía para que a información á que se fai referencia poida ser comparada e analizada. A maiores, a Plataforma permitirá seguir avanzando nos orzamentos participativos e fomentar que o acceso aos datos por parte da cidadanía sexa sinxelo e práctico.

Grazas a posta en marcha desta Plataforma poderase facilitar o cumprimento da ordenanza de transparencia, aforrando recursos propios ao partir das estruturas que teñen cidades como Madrid ou Zaragoza, que son referentes en materia de transparencia con índices internacionais superiores aos 90 puntos.

No hay comentarios: