Obradoiro da cociña da avoa en Vilagarcía

Concellería de Xuventude de Vilagarcía anima á mocidade da localidade a que aprenda cociñar a través do curso "A Cociña da Avoa" que se celebrará a primeira semana de setembro (do 5 ao 9) a través do programa DepoRuarte, da Deputación Provincial. Trátase dunha actividade gratuíta destinada a mozos e mozas de 14 a 30 anos e para a que se dispón de 20 prazas. O prazo de inscrición ábrese o mércores 24 e péchase o día 31 de agosto.

As persoas interesadas deben presentar a súa inscrición no Rexistro Xeral do Concello dentro do prazo sinalado e en horario de 9 a 14 horas. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Terán preferencia os mozos e mozas de 14 a 30 anos, pero de quedar prazas libres, tamén poderán acceder maiores desta idade.

Con este curso, a Concellería de Xuventude pretende incluír novas temáticas ás alternativas formativas e de ocio e que resulten de interese para a mocidade. Neste, os alumnos aprenderán a preparar algunhas receitas da variada e rica cociña tradicional galega, ademais de tomar contacto con diferentes técnicas culinarias de uso tradicional e coñecer as últimas tendencias na preparación de pratos tradicionals cun toque moderno.