Manuel Baltar: "A Vuelta 2016 leva a imaxe da nosa provincia a máis de 150 países e millóns de espectadores"

depourense.es
Na gala de presentación de equipos da "Vuelta 2016", celebrada no Balneario de Arnoia, O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo que este operativo desenvolvido xunto a Unipublic, unha das mellores organizacións que existen no seu ámbito referidas ao deporte, serviu para ver a grande capacidade organizativa que temos na provincia de Ourense para realizar a proba máis importante do ciclismo no mundo, xunto co Tour de Francia e o Giro de Italia.

La Vuelta a España acolle catro das 21 etapas coas que conta, que discorrerán por 18 concellos ourensáns, sendo Ourense a provincia na que máis etapas se disputan". "Trátase –expresou o presidente do goberno provincial-, dunha oportunidade moi importante para posicionar a "marca Ourense", pois estamos diante dun dos espectáculos deportivos máis vistos no mundo, en máis de 150 países, con millóns de espectadores, que verán unha provincia termal que, ademais, é a denominación oficial desta edición da Vuelta: "Ourense Termal - Madrid".

Manuel Baltar remarcou que desde o primeiro momento "o goberno provincial apostou ao máximo por esta iniciativa deportiva, que é o escaparate perfecto para amosar ao mundo o noso termalismo, por medio dos nosos balnearios, do Parque Náutico de Castrelo de Miño e mesmo da cidade de Ourense, capital termal, e tamén achegando a beleza paisaxística e natural que ten a Ribeira Sacra, con esa chegada a Luintra na sexta etapa, e coa saída da sétima etapa de Maceda, vila ciclista histórica por excelencia". "A provincia de Ourense é protagonista dun evento que é moito máis que deporte –afirma Baltar-, porque a "Vuelta" é tamén movemento social e dinamismo económico, en definitiva, unha magnífica oportunidade para Ourense".

A gala, retransmitida por TVE e Eursport, tivo lugar hoxe no balneario de Arnoia e nela participaron tamén o director xeral de Unipublic e da "Vuelta a España", Javier Guillén; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o alcalde de Arnoia, Rodrigo Aparicio, e os directores e ciclistas dos 22 equipos participantes nesta edición da "Vuelta". O acto estivo conducido polo xornalista deportivo Carlos de Andrés e polo exciclista Perico Delgado, e contou, no apartado musical, coa actuación de Marta Sánchez.

Manuel Baltar considera que o acto de hoxe, como o desenvolvemento da Vuelta en Ourense, "é un magnífico motivo para promocionar a imaxe da nosa provincia, algo que tivemos claro desde o principio no Plan de mandado Ourense 15-19 co esa aposta decidida polo deporte, unha aposta clara e innovadora, que da froitos non só deportivos e sociais senón tamén un retorno económico contundente".

Entre onte e hoxe as máis de 2.500 persoas que conforman a caravana da "Vuelta" se acreditaron na Oficina Permanente da proba ciclista, situada no Pazo dos Deportes "Paco Paz" de Ourense.