Máis de 132.000 persoas na Tall Ships Races

A 60ª edición Tall Ships Races deixou un balance "máis que positivo", según o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, a regata de grandes veleiros atraeu entre o xoves e o sábado pasados a un total de 132.199 persoas aos peiraos do porto da Coruña, para contemplar de preto as embarcacións e participar nalgunha das moitas actividades que acompañaron a cita náutica. 

"Trátase dun evento que xa ten tradición da cidade -con esta son nove as edicións nas que a regata recala na Coruña-, e con un indubidable tirón, tanto para a atracción de visitantes como para o tecido económico da cidade", indicou. Como salientou o responsable municipal, a cita veu completar o xa amplo programa das festas de María Pita para eses días, que concentrou as súas actividades nos peiraos e o Parrote, onde tivo lugar o sábado á noite a Batalla Naval.

Para Alberto Lema, cuxa concellería ten tamén as competencias na área de Turismo, a Tall Ships Races e todas as actividades complementarias amosan unha proposta de festas "con capacidade para chegar a todo tipo de públicos, unha oferta variada e descentralizada que está a ter un bo impacto nos sectores asociados ao turismo, contribuíndo a unha cidade máis viva na que ten cabida o deporte e a competición, pero tamén a cultura, a música e outras propostas de ocio alternativas".

Tal e como reflicten os datos de visitas ao recinto portuario durante a celebración da Tall Ships Races, o día máis concorrido foi o sábado, no que pasaron polos peiraos un total de 51.016 persoas. O pico máximo situouse nas 20.45 horas, con 7.978 visitantes rexistrados. O venres, a afluencia situouse en 45.139 persoas, cun pico máximo de 9.827 visitas -o maior de todo o evento- e o xoves, primeiro día da cita, foron 36.044 as persoas rexistradas. Como indica o concelleiro, a esas cifras súmanse as da organización, así como tripulacións e persoal voluntario que colaborou nas actividades, e toda a xente que acudiu a distintos enclaves da cidade, como o parque de Bens ou a Torre, o domingo pola mañá para asistir ao desfile final dos veleiros.