Innolact, a aposta pola innovación e a transformación no sector lácteo

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, coñeceu as instalacións da empresa láctea Innolact, en Castro de Rei (Lugo). Durante a súa visita a titular de Medio Rural sinalou esta compañía como un exemplo para o sector pola súa aposta pola innovación e a transformación de materia prima de primeira calidade de cara a situar os seus produtos no mercado.

Innolact, que comercializa baixo a marca Quescrem, vende o seu queixo fresco e mascarpone non só no mercado nacional senón tamén internacional. Estes clientes representan o 25% das súas ventas que chegan a máis de 30 países como Portugal, Francia, Suecia, Italia, Reino Unido, Malta, Chipre, Alemaña e Bélxica. Pero tamén a África (Marrocos e Exipto), Oriente Medio (Líbano, Emiratos Árabes Unidos, Arabia Saudita, Israel...), Sudamérica (México, Panamá, Uruguai, Chile), Estados Unidos e Asia (India, China...).

Innolact nacía en 2006 derivada da Aula de Produtos Lácteos de Lugo nunha nave alugada e un capital social de 55.000 euros. Agora, logrou ser unha pequena empresa con 50 traballadores e 17 socios, cun capital social de 420.000 euros. A súa facturación no 2014 foi de 6.715.107 euros e o balance do mesmo ano de 4.121.361.