I Encontro de Fotografía "Trevinca Starlight"

A Veiga acollerá, do 30 de setembro ao 2 de outubro, o I Encontro de Fotografía "Trevinca Starlight", programado como un campo de traballo creativo onde se cohesionan diferentes maneiras de ver a fotografía de paisaxe no seu concepto máis amplo. A presentación desta iniciativa formativa tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial da Deputación de Ourense, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde do Concello de A Veiga, Juan Anta; e os fotógrafos, Eva Díez e Fernando Rey.

"Todo elo no Concello de A Veiga, onde dende hai un tempo se iniciou un programa de potenciación e dinamización da riqueza paisaxística e cultural da zona, en base ao turismo como factor revitalizador", sinalou o vicepresidente da Deputación de Ourense.

Eva Díez, quen explicou a programación prevista para eses días, dixo que este encontro "pretende que cada participante desenvolva a súa imaxe neste entorno co seu propio estilo, aplicando todas as técnicas que imos a dar, as cales serán: por un lado, Fernando Rey explicará a parte técnica da paisaxe; Óscar Blanco, encargarase da parte de fotografía nocturna; e eu, explicarei as cuestións relativas á fotografía de natureza desde un punto de vista máis simbólico e desde a emoción".

As actividades desta iniciativa formativa comezan o venres, 30 de setembro, ás 18.00 horas, coa recepción aos participantes e posteriormente, desenvolveranse as clases teóricas sobre a paisaxe no arte, e a técnica da paisaxe, finalizando a primeira xornada cunha cea de confraternidade. Ao día seguinte, as actividades comezan ás 7.00 horas cun taller práctico ao amencer, e ás 10.30 horas celebrarase outro taller sobre a paisaxe natural. Pola tarde, ás 16.00 horas, será a quenda para unha clase teórica sobre a técnica da paisaxe nocturna, e remataría con dous talleres prácticos sobre o atardecer e a fotografía nocturna. Por último, o domingo, 2 de outubro, daranse cita ás 10.30 horas para extraer as conclusións finais do campo de traballo e cerrará o encontro unha comida de clausura. O prezo da inscrición do curso é "de 300 euros no que se inclúe todo", afirmou Juan Anta.

Paralelamente, realizarase o I Concurso de Fotografía Destino Turístico "Starlight Trevinca" tendo en conta que "cada vez son máis as persoas que visitan o municipio de A Veiga e o destino Starlight de Pena Trevinca, na procura dunha fotografía da Vía Láctea ou dunha paisaxe distinta", dixo Fernando Rey.

A temática do concurso é a paisaxe de A Veiga en xeral, tanto desde o seu aspecto natural como desde o seu aspecto persoal. As fotografías poderán presentarse a partir da semana que vén ata o 15 de outubro de 2016.