Forcarei vai recuperar as Neveiras de Fixó

Conservar en bo estado o noso patrimonio é imprescindible “para poder presentar unha oferta turística de excelencia e ofertar, deste xeito, uns produtos turísticos de calidade”, segundo manifestou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no acto de sinatura do acordo entre o departamento da Xunta que dirixe e o Concello de Forcarei para a recuperación das Neveiras de Fixó.

Neste acto, no que tamén participou a alcaldesa deste municipio pontevedrés, Belén Cachafeiro, Nava Castro referiuse a estes elementos etnográficos como “un legado de incalculable valor histórico”, polo que son merecedores dun óptimo estado de conservación, considerando de vital importancia o seu acondicionamento e posta en valor para impulsar e promover o turismo no Concello de Forcarei.

A titular de Turismo da Xunta explicou que as Neveiras de Fixó supoñen os restos dunha industria tan prolífica no seu tempo como descoñecida na actualidade, “apoiada aquí no antigo Camiño Real que unía o Mosteiro de Aciveiro coa comarca do Ribeiro”.

Segundo lembrou Nava Castro, as primeiras estruturas deste tipo comezaron a construírse na Idade Media, á vez que empezaban a aparecer os mosteiros en Galicia e todos os enclaves cistercienses do territorio galego chegaron a contar coa súa propia neveira.

Os artífices destes elementos auxiliares dos mosteiros foron os propios monxes e estaban dedicadas ao almacenaxe de xeo no seu interior. No caso das Neveiras de Fixó, nun principio, o seu uso foi para o propio Mosteiro de Aciveiro e o Cabido de Santiago, pero pronto xurdiu a actividade comercial arredor delas ao obxecto de destinalas á conservación de carne, bebidas e sobre todo para fins médicos.