Buscar/Hemeroteca

lunes, 22 de agosto de 2016

Convenio de colaboración coa Protección Civil dos concellos do Camiño Francés

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia participou no acto de sinatura do convenio de colaboración entre a Vicepresidencia da Xunta e sete Agrupacións de Protección Civil dos concellos do Camiño Francés. Xan Duro subscribiu en nome do Concello de Santiago ese acordo, que ten como obxectivo promover a colaboración en materia de prevención de riscos, información sobre seguridade e socorro aos peregrinos e peregrinas que se dirixen a Compostela.

En virtude do acordo, a Agrupación de Protección Civil do Concello de Santiago colaborará coas autoridades de Protección Civil de Galicia na atención do treito do Camiño desde Pedrouzos, no municipio do Pino, ata Compostela. Farao en materia de prevención, información e socorro, atendendo os albergues e cubrindo os grandes eventos e concentracións humanas que se celebren nese tramo. Tamén patrullará o treito do Camiño Francés con dous operativos diarios, nas horas de maior afluencia de peregrinos e peregrinas. A agrupación compostelá de Protección Civil terá a obriga de informar diariamente ao CAE 112 da actividade que desenvolva, así como quincenalmente á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

Segundo o convenio, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza encargarase de coordinar todos os medios e recursos dispoñibles, e servirá de enlace entre as necesidades da Axencia de Turismo de Galicia e a axuda que poida prestar a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Compostela. Tamén colaborará nos custos que xere o acordo, cunha achega máxima de 5.942,36 euros en dous pagos, o primeiro no momento da sinatura e o segundo ao remate das actividades. O convenio estará vixente ata o 31 de decembro.

No hay comentarios: