O pasado día 22 de xullo publicouse no Diario Oficial de Galicia a solicitude de inscrición no rexistro comunitario desta IXP, que xurde a iniciativa de Ternera Gallega. Este produto obtense das principais razas existentes, que son a Rubia Galega, Morena Galega, Asturiana de los Valles, Limusina, Rubia de Aquitania e Frisona.
Canto ás características técnicas do produto amparado por esta Indicación, a carne deberá presentarse refrixerada, sen que poida ser conxelada en ningún momento ao longo do proceso de obtención e comercialización. A vaca caracterízase por ser unha femia con alomenos unha xestación antes do sacrificio. O boi debe ser un macho castrado antes do ano de vida e que supera os 48 meses de idade antes do sacrificio.
Esta IXP abarcará a totalidade do territorio galego. Os animais deben nacer, criarse, engordarse, sacrificarse e despezarse na nosa Comunidade, co obxectivo de preservar a especificidade e controlar as condicións de obtención do produto. Cada fase constará dun etiquetado concreto. Ademais, establecerase un consello regulador único para as indicacións xeográficas protexidas da tenreira galega e da carne de vaca e boi, co fin de manter unha relación entre estes dous selos de calidade.