Balance das festas do Apóstolo 2016

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, fixo balance das festas do Apóstolo 2016, que congregaron a "milleiros de veciños e veciñas na cidade, enchendo as rúas e as prazas durante os 16 días de festa". Os festexos comezaran o 15 de xullo, co pregón do médico Anxo Carracedo, que suscitou moito interese e congregou a numeroso público na praza do Obradoiro.

O alcalde destacou "a alta participación" dunhas festas que chegaron aos barrios e ás parroquias grazas a programas como Artellando nos barrios, que ofreceu 16 actuacións na semana do 18 ao 24 de xullo, ou Artellando nos recunchos, cunha media de asistencia de 2.600 persoas.

Para Martiño Noriega, foron ademais unhas festas transversais onde houbo cabida a actividades organizadas dende distintos departamentos do Concello. É o caso de Compostela Dub System, que incluíu obradoiros e sesión DJ dirixida ás persoas máis mozas e que se organizou dende o Departamento de Mocidade ao abeiro dos orzamentos participativos do ano pasado.

Este ano recuperouse tamén o espazo da praza do Toural, unha das máis importantes da cidade e onde se desenvolveron concertos que atraeron a máis de 2.500 persoas nos catro días de programación.

Máis de 80.000 persoas participaron nas festas do Apóstolo 2016, as máis descentralizadas dos últimos anos