As descargas de mexillón aumentaron un 14% o pasado ano

As descargas xerais de mexillón en Galicia aumentaron máis dun 12% durante o 2015 con respecto ao ano anterior, que pasou de máis de 235.400 toneladas no 2014 a 264.109 no 2015. A facturación, que aumentou preto dun 14% o ano pasado, pasou de 98 millóns de euros no 2014 a máis de 112 millóns no 2015.

Estas cifras foron expostas pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a visita que realizou ás instalacións da Depuradora de Mariscos de Lorbé (Demarlosa), do Grupo Proinsa (Promotora Industrial Sadense) para coñecer de primeira man a súa actividade. 

A Depuradora de Mariscos de Lorbé, que forma parte do Grupo Proinsa, está especializada na depuración e comercialización de mexillón fresco. Ten un centro de expedición con capacidade para a depuración e manipulación de máis de 100.000 kg. de mexillón ao día. Conta cun laboratorio bacteriolóxico e de control de toxinas, xestionado por un equipo de biólogos e veterinarios que levan a cabo investigacións co obxectivo de atopar melloras na produción do mexillón.

O Grupo Proinsa é un grupo familiar, con capital 100% galego, integrado por compañías dedicadas á alimentación. Naceu hai 40 anos no porto de Sada (A Coruña) e expandiuse a varios puntos da xeografía española.