Arde Vilagarcía para celebrar os 150 anos do Combate Naval


Vilagarcía acolle mañán, sábado 20 de agosto, un dos momentos máis esperados e emblemáticos das festas patronais de San Roque como é o Combate Naval, un espectáculo pirotécnico que este ano, con motivo do seu 150 aniversario, irá sincronizado con pezas musicais.


O Combate Naval rememora desde 1866 a famoso asedio que a flota española, comandada polo almirante Méndez Núñez dende a fragata Numancia, realizou á fortaleza do porto peruano do Callao o 2 de maio dese mesmo ano.



No seu momento, o Combate Naval supuxo unha innovación nos fogos artificiais que dende décadas atrás se botaban coincidindo coas festas patronais de San Roque e a tradición segue viva século e medios despois e colle impulso para celebrar os 150 anos cunha novidade: a sincronización con música de Vangelis, Carl Orff e mesmo Prince.


Seiscentos quilos de pólvora queimaranse durante os 20 minutos que dura o espectáculo que comezará á media noite (00:00 horas) nas Pras da Concha e Compostela. 8.000 disparos de lucerías encherán o ceo de cores e sinuosas formas que danzarán ao son da música que se poderá escoitar a través das torres de son instaladas ao longo do areal. A sucesión de fogos aéreos, en terra e acuáticos rematará co emblemático Combate Naval no que, dende o mar, tres embarcacións arremeterán a cañonazos contra un castelo de 32 metros de largo por 12,5 de alto que responderá ao agravio disparando a súa propia artillería.