Buscar/Hemeroteca

lunes, 8 de agosto de 2016

3º Concurso de Polbeiras e Polbeiros do San Froilán 2016

O Concello de Lugo convoca o 3º Concurso de Polbeiras e Polbeiros San Froilán 2016, con motivo das festas patronais, das que o polbo é un dos principais símbolos. Este certame trata de facer unha exaltación deste prato fundamental da gastronomía galega e que constitúe un dos grandes reclamos das festas de San Froilán.

O concurso levarase a cabo o día 6 de outubro no Mercado Municipal de Abastos, situado na rúa Quiroga Ballesteros, e o xurado, composto por cinco profesionais do sector, valorará diferentes aspectos como sabor do polbo, textura e punto de cocción, adobo e corte, ou presentación.

A degustación, que terá lugar a partir das 20:30 horas dese mesmo día, será limitada a un máximo de catrocentas persoas, que deberán retirar previamente un ticket no propio Mercado por importe de 1 euro entre as 17:00 e as 19:30 horas.

Poderán participar no concurso un máximo de oito polbeiras e polbeiros, profesionais especializados na cocción e en servir o polbo, que desenvolvan a súa actividade no territorio de Galicia. O prazo para realizar as inscricións está aberto ata o 23 de setembro.

O gañador ou gañadora do 3º Concurso de Polbeiras e Polbeiros San Froilán 2016 recibirá un premio dotado con 1.000 euros. O segundo premio consistirá nunha noite de aloxamento para dúas persoas con almorzo e circuíto termal no Balneario de Lugo. Todos os participantes recibirán un lote de produtos do Mercado Municipal e diploma acreditativo.

O acto de entrega dos premios levarase a cabo no momento no que o xurado faga público o seu veredicto, e terá lugar no propio Mercado Municipal de Abastos ás 20:00 horas.

De acordo coas bases do concurso, para tomar parte nel os concursantes deberán realizar a súa inscrición na Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, chamando aos teléfonos 982.29.72.12 / 16, enviando un correo electrónico a cultura@concellodelugo.org ou un fax ao 982.29.71.06.

As bases do certame pódense consultar na páxina web www.lugo.gal e no teléfono de atención cidadá 010.

No hay comentarios: