Xulio Ferreiro participa esta fin de semana no Buró Executivo da Conferencia das Cidades do Arco Atlántico

A Conferencia das Cidades do Arco Atlántico, que traballa desde o ano 2000 como Foro Urbano Atlántico, ten entre os seus obxectivos buscar a cooperación dos seus membros e destes con outros actores, así como sensibilizar ás institucións europeas das cuestións que atinxen ao conxunto de cidades atlánticas. 

O alcalde de A Coruña, Xulio Ferreiro, viaxa esta fin de semana á cidade francesa de Brent para participar no Buró Executivo da Conferencia, órgano do que A Coruña forma parte e no que ostenta a presidencia dunha das tres comisións temáticas, como é a de cidades creativas. 

Ferreiro intervirá nas sesións desta rede de cooperación internacional xunto con representantes doutras cidades do Estado español, Portugal e Francia para analizar cuestións relativas ás futuras liñas de acción e as política de innovación e abordar proxectos como o desenvolvemento dun observatorio marítimo coas axencias urbanas de Brest e Lorien. A axenda inclúe tamén actos institucionais co conxunto dos e das participantes.

A comisión que preside A Coruña ten como obxectivo definir as liñas de traballo que permitan deliñar a identidade cultural das cidades atlánticas, a través de accións de innovación en áreas como a do turismo sostible ou os territorios creativos, a posta en valor das rutas ou os museos atlánticas e outras propostas culturais que van desde festivais ata as conexións das cidades atlánticas con outras culturas, como a americana ou a africana.