Santiago podría alcanzar varios máximos turísticos este verán

A concelleira de Turismo de Santiago, Marta Lois, fixo no Pazo de Raxoi unha valoración dos datos turísticos da cidade do primeiro semestre e presentou as previsións que se manexan dende Turismo de Santiago para a temporada de verán e para o conxunto do ano. 

Marta Lois estivo acompañada da nova xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, quen perfilou os obxectivos e os grandes ámbitos de traballo da entidade de promoción turística da cidade para os vindeiros anos.

Segundo apuntou a concelleira, no primeiro semestre a cidade viviu un importante crecemento nas diferentes variables que afectan ao sector, como pernoctacións na cidade, tráfico no aeroporto ou persoas que fan o Camiño de Santiago. Ademais, os datos do primeiro semestre indican que a cidade está diante da mellor temporada de verán para o sector turístico dende o Ano Santo 2010 e que ao final do ano se poderán alcanzar varios máximos, por exemplo no aeroporto e no Camiño.

Marta Lois quixo destacar que o compromiso do Goberno municipal respecto do sector turístico da cidade vai máis alá de conseguir os mellores resultados cuantitativos posibles. O compromiso é tamén mudar o modelo turístico da cidade, avanzando cara a consolidación dun modelo sostible e de calidade, beneficioso tanto para o sector como para o conxunto da veciñanza, con novos modos de xestión nos que prime a eficacia e a transparencia no uso dos recursos públicos.

A concelleira apuntou que o nomeamento de Flavia Ramil como nova xerente de Turismo de Santiago enmárcase nese contexto de consolidación dun novo modelo turística da cidade. Marta Lois sinalou que Flavia Ramil foi nomeada logo de obter a mellor puntuación nun proceso aberto e transparente, cun tribunal composto por representantes do sector e no que non houbo presenza de representantes políticos para garantir unha valoración obxectiva das candidaturas.