Promoción turística da Deputación da Coruña con aplicacións para móbil

A promoción turística dos concellos está a sufrir unha grande transformación dixital que queda á vista tamén nas subvencións que a área de Turismo da Deputación da Coruña concede a concellos e entidades locais cun orzamento de medio millón de euros. Entre os proxectos a subvencionar son varios os concellos que presentaron iniciativas encamiñadas á creación de aplicacións para móbiles ou diversas actuacións no ámbito das TIC, o que suporá un importante cambio na comunicación turística no entorno dixital.

A área de Turismo da Deputación contribuirá, deste modo, á modernización da promoción turística en concellos como a Pobra do Caramiñal, que porá en marcha unha aplicación para móbil do museo e a ruta Valle Inclán, Ames, Betanzos, Brión, a Capela, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Ferro, Malpica de Bergantiños, Mañón, Muxía, Negreira, Ordes, Outes, Rianxo, San Sadurniño, Santa Comba, Tordoia ou Touro que mellorarán a súa presenza na rede. Ademais a través da convocatoria o Consorcio de Turismo e Congresos creará unha páxina web para a Regata The Tall Ships races e a Mancomunidade de concellos da Comarca de Ferrol para a promoción do produto turístico Surf.

"A rede está a modificar a grande velocidade a promoción turística e as novas tecnoloxías están a ser fundamentais para a difusión dos distintos produtos do sector polo que é de grande interese que os concellos participen nestes cambios e invistan na modernización dos seus sistemas de comunicación", sinala o deputado da área Xosé Regueira para quen a oferta turística da Coruña ten que continuar a incrementar a súa presenza na rede.

A área de Turismo fixo pública a aprobación da concesión definitiva das subvencións de promoción turística que supoñen un investimento de medio millón de euros. Ademais da mellora da comunicación dixital dalgúns dos destinos turísticos, os obxectos das subvencións concedidas aos distintos concellos inclúen propostas como acondicionamentos de roteiros, sinalizacións, paneis led de información, melloras de oficinas de turismo, subministros para eventos ou equipamentos de puntos de información.