Presentación de Womex 16, que se celebrará do 19 ao 23 de outubro en Santiago

A Praza das Praterías acolleu a presentación de Womex 16, na que participaron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, a responsábel da área de Cultura da Deputación de A Coruña, Goretti Sanmartín e o Conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, canda os músicos galegos que participarán no programa da Feira, Radio Cos na sección oficial e Xabier Díaz&Adufeiras de Salitre e Narf &Timbila Muzimba intervirán no escenario Atlantic Connections.

O alcalde de Santiago destacou que "a nosa cidade é a máis pequena na que xamais se celebrou o Womex nos seus 22 anos de historia". "Unha cidade pequena en termos de habitantes", engadiu,"pero enorme a nivel cultural ou turístico". Martiño Noriega quixo parabenizar tamén aos artistas galegos que participarán nesta edición do Womex "polo seu altísimo nivel musical", contribuíndo a converter a Santiago "na capital, non só de Galiza, senon tamen das músicas do mundo".

Unha das razón polas que a Deputación da Coruña se compromete co proxecto de Womex é pola súa condición de trampolín de promoción exterior da nosa cultura, sinalou a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura. "Somos periferia nas industrias culturais, non na creación". Con estas palabras do escritor Agustín Fernández Paz quixo renderlle unha homenaxe no día da súa despedida para destacar o potencial deste evento. 

Womex, que está considerada a maior feira do mundo da "word music", terá lugar en Santiago de Compostela de 19 a 23 de outubro. Polo escenario pasarán 33 grupos da selección oficial, que proveñen dende Xapón ata Portugal, pasando por Mauritania, Finlandia, Macedonia, Uzbekistán, Colombia, Canadá ou China, entre moitos outros países. Radio Cos é a banda galega na selección oficial; mentres que Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e Narf & Timbila Muzimba foron seleccionados para o escenario Atlantic Connections, que acollerá as mellores propostas da Península Ibérica e América Latina. O certame, patrocinado por Concello de Santiago, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia.