Presentación da rede SmartPeme no Museo de Pontevedra

Hoxe terá lugar, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, a xornada de presentación da rede SmartPeme dedicada ás persoas emprendedoras ou autónomas e pemes da provincia de Pontevedra. Este proxecto da institución provincial, herdeiro do anterior CPAE 2.0, porá á súa disposición unha serie de ferramentas e servizos de asesoramento TIC que todas as persoas asistentes poderán coñecer neste almorzo de traballo que contará coa presenza de Elena Gómez de Pozuelo. 

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentará o proxecto acompañada do deputado de Innovación e Promoción Económica, Francisco Javier Dios.

Gómez de Pozuelo, que é unha das persoas máis influentes no eido do emprendemento, conta con preto de 92.000 seguidores en Twitter a través do seu perfil @gomezdelpozuelo. Non en van, a emprendedora é a presidenta de Adigital (Asociación Española de Economía Digital), CEO de varias empresas, membro do Comité Executivo e da Xunta Directiva da CEOE, presidenta da Comisión de Protección de Datos e conselleira, entre outras startups, de Womenalia, a primeira rede de networking mundial de mulleres profesionais. A súa intervención levará por título "Atopar o lugar da túa empresa na nova era dixital" e nela compartirá a súa perspectiva sobre como afrontar os procesos de transformación tecnolóxica, para o que se valerá do seu extenso currículo e experiencia.

Despois disto, será a quenda das empresas pontevedresas que xa implantaron con éxito as novas tecnoloxías nos seus negocios. Nas súas intervencións, os e as representantes das mesmas transmitirán as claves para acadar o éxito mediante a implantación destas tecnoloxías. Neste sentido pensouse que as empresas participantes operasen no ámbito da provincia de Pontevedra para así poder ofrecer un relato máis próximo. Por último, as persoas asistentes poderán gozar dun café e dunha sesión de networking onde ampliar cadansúa rede de contactos con outros e outras profesionais da provincia.

Lembramos que o novo proxecto SmartPeme, en palabras da Presidenta da Deputación na presentación do proxecto aos concellos celebrada a finais de xuño, "é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos". Para isto, nas oficinas de SmartPeme no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se porán en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.