Pan de Cea, festa en auxe

Arredor de 3.000 personas acudiron ao Campo da Saleta de San Cristovo de Cea para asistiren á xornada grande da Festa de Exaltación do Pan de Cea, que este ano cumpríu o seu 25 aniversario. Dende a organización amosáronse moi satisfeitos pola boa acollida dunha celebración que cada ano conta con máis adeptos. Non en van, esgotáronse as 550 entradas para o xantar.

Durante a xornada recoñeceuse o traballo dos actuais fornos colaboradores da Festa do Pan de Cea. Nesta 25 edición colaboraron un total de 14: O Forno da Ana, da Belarmina, do Calviño, do Carlos, do Chao Real, da Digna,  do Eliseo, da Isabel, dos Lamelas, do Lodairo ou Panadeira, da María José, da Maruja, do Quintos, e da Rosa. Un listado de homenaxeados aos que se engadiron os restantes fornos de Cea (no concello hai un total de 18 empresas rexistradas dentro da Indicación Xeográfica Protexida).

Durante este domingo repartíronse 2.700 pezas de Pan de Cea, que se combinaron con diversos produtos galegos con distintivos de calidade. Os asistentes tamén tiveron a oportunidade de visitar algúns dos máis de 20 stands de artesanía e gastronomía expostos nesta celebración.