O Plan Ourense Provincia Termal, vento en popa

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou, durante á reunión do Consello Termal Ourensán, o valor económico e social do termalismo, e lembrou que xa están executadas ou completadas 31 das 71 actuacións previstas no Plan Ourense Provincia Termal, máis do 40% do total.

A este respecto, sinalou que a xuntanza de traballo do Consello Termal que tivo lugar en Lobios constitúe un paso máis na consolidación dun sector polo que o Goberno galego vén apostando desde o 2014, e que se materializa no dito plan.

Neste senso, indicou que o Plan Ourense Provincia Termal está dotado cun investimento autonómico de case 6 millóns de euros, dos que a maior parte foron dedicados a crear novas infraestruturas ou a mellorar as xa existentes. Así, o mandatario galego citou como exemplo, a mellora do acceso ao balneario de Lobios e o acondicionamento da ruta do río Caldo, a liña de axudas Q de Calidade Turística, a viñoterapia en Leiro, o balneario de Cortegada, a piscina flotante termal de Laias, o programa “Benestar en Balnearios” ou a ruta da Auga en Verín. “Grazas ao plan estamos dando os pasos necesarios para que Ourense se consolide nesta década como provincia termal de España”, insistiu.