Diversidade nas festas do Apóstolo de Santiago

A concelleira de Acción Cultural presentou o programa das festas do Apóstolo, que arrancarán o venres 15 de xullo. Serán, tal e como salientou Branca Novoneyra, "as festas máis longas dos últimos anos, e tamén as máis intensas".

A edil explicou que a intención do Goberno foi "facer un Apóstolo para todos, con todas as actividades de balde para termos unhas festas democratizadas". Tamén se procurou unha programación descentralizada "para que o Apóstolo vibre dende o centro ata os barrios e o rural, deslocalizando tamén o impacto turístico e facendo que Santiago enteiro estea en festas". A terceira característica da programación será a diversidade, "para que cada un de nós teña un intre do que lle guste, con presenza de todos os xéneros musicais e de todas as artes".

A celebración do Apóstolo comezará o venres 15, co tradicional pregón dende o balcón do Pazo de Raxoi. Desta vez, o encargado de pronuncialo será Anxo Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e responsable do Centro Nacional de Xenotipado, dependente do Instituto de Saúde Carlos III.


Tras o éxito acadado o pasado ano, na programación vólvese reservar unha noite para as bandas galegas. A praza da Quintana será escenario dos grandes concertos internacionais do Apóstolo. A Concellaría de Acción Cultural volve apostar polo proxecto Artellando para garantir unhas festas que cheguen a toda a cidadanía, a todos os barrios e mesmo á zona rural. 
Mantéñense na programación moitas das citas máis tradicionais do Apóstolo. Así, o sábado 16 de xullo celebrarase a Xornada de Folclore Galego na praza da Quintana, coa participación de Brincadeira, Cantigas e Agarimos, Colexiata de Sar e Ultreia. O domingo 24 celebrarase o V Certame Folc La Voz de Galicia, co pasarrúas da charanga O Recobío e os concertos de Uxía Lambona e a Banda Molona, Xosé Lois Romero &Aliboria, Nova Galega de Danza, Andrés Penabad e Riobó.

O 30 de xullo volverá ser o Día do Traxe Galego nas Festas, e celebrarase unha nova edición do Torneo da Chave Festas do Apóstolo na Alameda. Alí tamén se manteñen as habituais actuacións das orquestras.

A Banda Municipal de Música terá tamén o seu protagonismo durante as festas. O domingo 17, na praza da Quintana, ofrecerá un concerto homenaxe a Los Tamara e outros clásicos galegos. Para a ocasión, a formación dirixida por Casiano Mouriño estará acompañada por Rosa Cedrón, Paco Lodeiro, e Miguel Ladrón de Guevara como solistas. O día 21, a Banda estará na praza das Praterías cun recital dedicado aos bailes de salón, no que actuarán os bailaríns Lucía Vázquez e Cristian García. Pola súa banda, a Real Filharmonía de Galicia sumarase ás festas do Apóstolo cun concerto na praza da Quintana o xoves 28.

A programación do Apóstolo complétase co Compostela Sound System(exposición de discos de vinilo e obradoiros de DJ na praza da Quintana), o Campionato de Futbolín que se celebrará no Centro Sociocultural de Vite, a celebración do Compostela Dumb 2016 no antigo colexio Ramón Cabanillas do Castiñeiriño, a Romaría dos Libros na praza de Mazarelos, e a actuación de Carlos Blanco e Luis Dávila na praza da Quintana, o día 30.