3,8 millóns para o Camiño do Norte e Primitivo

Turismo de Galicia destinará máis de 3,8 millóns de euros ás obras de recuperación, sinalización e mellora do Camiño do Norte e no Camiño Primitivo, que inclúen a adaptación do itinerario á delimitación oficial. En ambos os dous casos as actuacións previstas actuarán sobre a sinalización existente e tamén sobre o estado de accesibilidade da ruta. O obxectivo é unificar e harmonizar a sinalización do Camiño de Santiago, un dos símbolos de Galicia, e ofrecer un mellor servizo os cada vez máis peregrinos que se decantan por estes itinerarios.

En 2015 rexistráronse un total de 27.301 peregrinos que chegaron a Compostela por estes dous itinerarios, un 10,40% dos contabilizados no total de rutas. Destes 27.301, 15.828 peregrinos chegaron polo Camiño do Norte e 11.473 peregrinos polo Camiño Primitivo. No que vai de ano, as dúas rutas recibiron 10.280 peregrinos, o que supón o 8,73% do total.